viernes, septiembre 26, 2008

Regata en Meloxo

Este sábado hai regata de dornas a vela en Porto Meloxo, preténdese que sexa unha festa para todos, participantes e visitantes. Farase un percorrido entre o Porto de Meloxo e o Carreiro e logo en terra unhas cañas e lume na parrilla!!!
Quedades convidados...

lunes, septiembre 01, 2008

A Meca impresionou na Regata de Clásicos Emprosal

A Meca participou esta fin de semana na I Regata de Clásicos Emprosal, celebrada en augas da Lanzada e Ons. A regata estivo organizada polo Club Náutico San Vicente do Mar, coa colaboración da nosa asociación.
A Meca ofrceu todo un recital de navegación con unha bolina impresionante con vento SW estable, desde Pedras Negras ata o Faro de Camouco, onde foi tomada esta fotografía.

GALERÍA DE IMAXES
Tedes máis fotos e a clasificación en todogrove.com
Tamén saiu a noticia na Voz de Galicia

miércoles, agosto 27, 2008

Barcos clásicos en San Vicente


Esta fin de semana volveremos a San Vicente, xa que A Meca participará na I Regata de Clásicos organizada polo Club Náutico San Vicente, na clase de Espíritu de Tradición. A Asociación de Amigos da Dorna Meca colabora na organización da mesma.

Nesta proba a celebrar o sábado día 30, haberá tres categorías

Barcos de Época: Barcos de madeira ou aceiro botados ata o 31 de dicembro de 1949.
Clásicos: Barcos de madeira ou aceiro botados entre o 1 de xaneiro do 1950 e o 31 de decembro do ano 1974
Espíritu de Tradición: Barcos construidos con técnicas e materiais actuais pero que, na súa apariencia externa, gardan certa similitude cos barcos de épocas pretéritas.

Esperemos que sexa unha xornada bonita e divertida.

sábado, agosto 16, 2008

Unha ducia de dornas do Grove na I Regata de San Vicente

Foron 20 as dornas que participaron na primeira edición da Regata de San Vicente, entre elas a "A Meca", que nas últimas semanas conta con gran actividade saíndo moitos dos días da semana.
Esta regata estivo patrocinada por Cabreiroá e organizada polo Club Náutico San Vicente, co cal colaboramos en todo o que foi necesario, e aproveitamos esta ocasión para agradecerlle o seu interese.
Tamén agradecemos a asistencia e participación de todos os que vos achegástedes ao porto de Pedras Negras, foi unha auténtica mágoa que non tiveramos máis vento.

No aspecto da competición o podio quedou como sigue:
1. Xarandeira. Asoc. Fasquía (Santi/Fernando)
2. Barzarra. A.C. Dorna (Pardavila/Luís)
3. Fuxe. Dorna Meca (Manolo/Brais)
Ademáis hoube máis premios, todos eles e máis fotografías pinchando aquí.

martes, agosto 12, 2008

I Regata de San Vicente, todo a punto

Este venres día 15 de agosto, ás 12.00 horas, celebrarase no Porto de Pedras Negras a I Regata de San Vicente de Dornas a Vela, en colaboración co Club Náutico San Vicente do Mar, que opera neste porto. Haberá premios en diversas categorías ademais dos tres primeiros clasificados, como o tripulante máis moz@, o máis veteran@, a muller mellor clasificada, a asociación da que participen máis dornas ou o "premio á dorna máis fermosa", que será elixida entre todos os tripulantes. pola noite como remate da xornada festiva actuará o grupo Os Hackleberries no mesmo porto.Tódolos interesados en participaren terán que comunicar os seguintes datos, (por cuestións de organización e servicio de restaurante) antes do xoves 14 ás 20 horas ou ben á Asociación de Amigos da Dorna Meca, ou ben ó Club Náutico San Vicente (administración@cnsvicente.org ou 986738325)
Terán que sinalar os seguintes datos:
a. Nome, apelidos e teléfono do patrón
b. Nome e apelidos do/s tripulantes
c. Club ó que pertenecen


Invitamosvos a todos a participar, e a ser un pouco "formais" no tema das inscricións e horarios.
É importante ler as normas da regata para maior información

domingo, agosto 10, 2008

As dornas do Grove protagonistas en Cambados



A pesar de rexistrar pouca participación meca na Regata do Albariño, dúas das 4 dornas desprazadar a Cambados, tanto a Fuxe como A Rona, realizaron unha gran navegación nunha tarde de vento. Os cinco primeiros:
1. Cariñosa (A.C. Dorna)
2. Nécora (A.C. Dorna)
3. Fuxe (Amigos da Dorna Meca)
4. A Rona (Amigos da Dorna Meca)
5. Xarandeira (A.C. Fasquía)

jueves, agosto 07, 2008

A Fuxe cuarta na XX Regata do Bao


Desplazamos 7 dornas ata a Illa de Arousa para tomar a saida desta XX Volta á Illa de Arousa, un día moi bo para navegar con bolinas interesantísimas, destacar o papel da Fuxe que loitou en cabeza despois de unha moi boa saída. Estivemos un total de 42 dornas.

Fotos da regats no Blog da Cultural Dorna

domingo, julio 27, 2008

Os da "Nécora" levan para a Illa a Regata dos Faros

Braulio e Harry foron os primeiros en completar o circuito da Regata dos Faros 2008. Todo saíu ben en canto a organización, aínda que contabamos con ter maior participación. Houbo 23 dornas en total, 9 delas dos socios de Amigos da Dorna Meca. A uns e outros moitas gracias por vir.
Agradecer tamén a colaboración da Copistería Técnica Copyman e da Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove.
A seguinte cita por estes lares será o 15 de Agosto en Pedras Negras, Seguiremos informando.
Tedes a clasificación e todas as fotografías en www.todogrove.com

martes, julio 22, 2008

XII Regata dos Faros

O próximo sábado 26 de xuño imos celebrar a XII Regata dos Faros no Porto do Grove, estades todos convidados. Agradecemos a colaboración da Confraría de Pescadores que nos cede a Lonxa para a entrega de premios e tamén a colaboración da Copistería Técnica Copyman.
Noura orde de cousas este luns chegou A Meca da súa viaxe a Brest, chegou sana e salva e desde esta tarde está fondeada no Peirao de Peralto. Esperamos que siga como antes de marchar a Francia, saíndo a navegar practicamente todas as tardes.
NOTA: Se algunha persoa está interesada en probar a navegación tradicional cos Amigos da Dorna Meca, só ten que poñerse en contacto.


domingo, julio 20, 2008

Somos unha máis!!

Onte sábado botouse ao mar "A Rona" a nova dorna coa que o noso secretario Dani Otero continuará participando en regatas e encontros. Despois de un moi meritorio traballo "A Rona" xa navega. Os armadores agradecenlle a axuda ao patrocinio da empresa Arcafal, que temén estiveron presentes e agasallaron a todos con unhas camisolas.
Tamén gracias a Juan Antonio e o seu fillo, da Asociación Cantodorxo, que amenizaron a botadura cunhas pezas a base de gaita e tambor
Botámola no varadoiro de Moreiras, ao lado do CIPES, e logo fumos de travesía ata o Faro das Pedras, para recalar no Makoki, na praia do Carreiro.
A Rona, benvida á familia!!

A noticia e máis fotos en todogrove.com

jueves, julio 10, 2008

En Brest

No intre que escribimos estas liñas A Meca xa está amarrada no sexto porto máis importante de Europa: BREST.

Moitos meses de traballo e xestión precederon ao destino final. Amigos da Dorna Meca aporta unha embarcación e 6 tripulantes á expedición oficial que participará na Festa Marítima Internacional Brest 2008, ademais moitos socios e achegados viaxan tamén ata a cidade bretoa por terra e por mar.

A todos eles o noso máis sincero desexo de que disfruten desta semana chea de barcos, navegacións, tripulantes, concertos, xornadas, visitas… Aquí estaremos agardando o seu retorno.

Na TVG, o pasado domingo 6/07/2008, emitiuse un De Proa a Popa especial sobre a festa de Brest, aquí tedes o enlace por se non tivestes oportunidade de ver a súa emisión

domingo, julio 06, 2008

E completamos a XXIV Volta á Illa de Arousa

Ás 11 da mañan quedamos no varadoiro de Peralto, logo de desaiunar botamos os barcos pola rampa abaixo e comezamos o día da XXIV Volta a Arousa, as condicións do tempo prometían, víase que iamos ter un bo día para navegar, e así foi, incluso na cara noroeste da Illa non estaría mal algo máis de ventiño.
Con todo, o día foi espléndido, moi bo ambiente e unha regata bonita con 49 dornas, das de lebrar, con unha interesante bolina final. Voltamos a costumbre de entrar todos os do Grove xuntos, aquí tedes a clasificación completa.

Comezaron as regatas

A primeira cita da competición foi na Regata Fasquía celebrada o 7 de xuño, debido ao forte vento reinante na xornada que poñía en perigo o desprazamento por mar, estando a piques de suspender a proba os mesmos organizadores, na regata só participou a Fuxe que acadou un moi interesante sexta plaza na clasificación.
O día 21 de xuño tivo lugar a estrea dos Amigos da Dorna de Portonovo na organización de regatas, coa I Regata do Sepelo, nesta ocasión o vento foise quedando en nada na segunda volta da regata. Participaron 7 dornas do Grove nesta proba, para o ano voltaremos.

domingo, junio 08, 2008

Suspendida a Area Seba

Comunicamos a todos os socios e participantes que este ano non se vai celebrar a IV Regata Area Seba de Dornas a Vela. Por asuntos alleos á nosa vontade non imos celebrar esta cita.
Estamos xa a traballar na organización da Regata dos Faros, polo que tamén convidamos a todos aqueles que se ofreceran como voluntarios para colaborar na organización que se poñan en contacto coa directiva.

martes, mayo 06, 2008

Regata de dornas en San Vicente

Este ano imos a levar a cabo a I Regata de San Vicente, en colaboración co Club Náutico San Vicente, a cal terá saída e chegada no porto de Pedras Negras.
No mesmo día haberá gran actividade na zona xa que tamén se celebra unha regata de traiñeiras, co que nos aseugramos unha boa afluencia de público.
A data é o 15 de agosto, verémonos alí.

viernes, abril 11, 2008

A Meca na TVG


Ola de novo, xa que estamos tamén vos comunicamos que este domingo día 13 de abril, no programa "De proa a Popa" da TVG emitirase un espazo sobre a Dorna Meca, a cita sobre as 15:00 horas.
ACTUALIZACIÓN
Para os que non puideron ver o programa no momento da súa emisión, pinchando aquí podedes velo na web da TVG, emisión correspondente ao 13/04/2008

martes, abril 08, 2008

Asamblea Xeral de socios

ASEMBLEA XERAL ORDINARIA
Lugar:
Centro de Interpretación da Salga e a Pesca. Punta Moreiras. Ogrobe
Día: sábado 19 de Abril Hora: 19:00 h.

Orde do día

1. Lectura e aprobación da acta anterior, se procede
2.
Dación de contas
3.
Brest 2008, (Datos definitivos)
4.
Calendario de actividades
5.
Equipos de organización
6. Convenio CIPES
7. Seguro de navegantes
8.
Varios:
Rogos e preguntas

Debida a importancia dos temas a tratar na Orde do día desde a Xunta Directiva agradeceríamos a máxima asistencia posible.

martes, marzo 18, 2008

Xa temos datas para as regatas de dornas no Grove


Logo de reunirnos na FGCMF para confeccionar un calendario de actividades, acordamos xa as datas para as nosas regatas, que este ano serán:
IV Regata Area Seba, o 14 de Xuño
XII Regata dos Faros, o 26 de xullo
Regata do Marisco 2008, 11 de outubro.
Seguide atentos porque pode haber máis novedades

martes, marzo 04, 2008

Convenio para dinamizar o CIPES

Onte luns día 3 de marzo asinamos un covenio de colaboración co Concello do Grove para a dinamización de actividades no Centro de Interpretación da Pesca e a Salga, en Punta Moreiras, alí faremos actividades e amarraremos as embarcacións da asociación, a partir de agora xa temos onde traballar.
A nova nos medios:
Diario de Arousa
La Voz de Galicia
Todogrove.com

miércoles, febrero 13, 2008

As mareas no Grove

Desde hoxe está a vosa disposición a previsión das mareas no Grove, engadimos este servizo no apartado de ligazóns para que poidades consultar os estado das mareas na nosa vila, despois de que varios usuarios nos fixeran esta suxerencia.

jueves, febrero 07, 2008

Os Astilleros Nereo no seu peor momento


Astilleros Nereo está baixo ameaza de derribo.
Debido a un proxecto urbanístico é posible que desapareza o estaleiro, a pesar da súa inclusión como "Actividad de Interés Etnológico" no Catalogo General del Patrimonio Histórico Andaluz, porque non está protexido o entorno no que ten lugar a actividade. Xa está a información pública a licitación das obras de remodelacion da zona, e a Plataforma para la Defensa de la Carpintería de Ribera de Astilleros Nereo como Patrimonio Histórico Andaluz fai un chamamento para que se presenten o maior número de alegacións posibles ante a Demarcación de Costas antes de 20 días. O obxectivo é conseguir modificar a catalogación dos estaleiros delimitando o territorio que lle afecta, xa sexa como lugar de interés etnolóxico ou BIC.
Ademais de escribindo a Costas (Dirección General De Puertos Y Costas Delegación Provincial.
Paseo de la Farola 12, 29016, Málaga. 952 211 537), pódese apoiar a iniciativa a través do web creado para a ocasión: A Flote.

Mais información en:

El mar es el camí
Observatorio del Patrimonio Histórico Español
El País
La Taberna del puerto

jueves, enero 17, 2008

Gañadores do Sorteo CM da Amizade Galego-Portuguesa

Xa coñecemos os gañadores do sorteo que artillamos hai uns meses os blogueiros galegos e portugueses, iniciativa da que seredes xa coñecedores, pois chegou o momento de repartir a sorte.

Os libros en portugués foron para:

1-História do Batel Vae com Deus, de Raul Brandão (oferta da Orfeu) - Mar Adentro, Ventosga
2-A Noite Abre Meus Olhos, de José Tolentino (oferta da Orfeu)- Blogue dos Navios e do Mar
3-Cais e Navios de Lisboa, de Luís MIguel Correia (oferta do autor) - Oli
4-A Campanha do Argus, de Allain Villiers (oferta do blogue Mar Adentro Ventosga) - Besbe

Os libros en Galego correspondéronlle a:

1- Joao Quaresma- Lanchas e dornas
2- mch- O Patrimonio Marítimo de Galicia
3- Julio Quirino- O Bote Polbeiro de Bueu

4-Rute&Joao- A Odisea

lunes, enero 07, 2008

A Asociación Amigos da Dorna Meca colaborou na Cabalgata

A Asociación de Amigos da Dorna Meca puxo o seu gran de area na organización da Cabalgata de Reis, aportando dous remolques e unha dorna (o tripulante puxérono eles), que os membros da Asociación de Veciños As Besadas da Graña souberon decorar para animar a ilusión dos máis cativos.


Para ver máis fotos da cabalgata pincha aquí e accederás a todogrove.com

jueves, enero 03, 2008

Boletos para o sorteo


Listado provisional de Boletos de Participación no Sorteo CM da Amizade Galego-Portuguesa outorgados por Amigos da Dorna Meca:

Eugénio de Imagens con agua
João Veiga de Mar Adentro Ventosga
J.C. de O Blogue do J.C.
SWT de O Blogue do SWT
Hugo de Órzalle aí
Manuel de Homes de Pedra en Barcos de Pau
O'Fartura de Singradura da Relinga
Luis Miguel Correia de Blogue dos Navíos e do Mar
Sailor Girl de Atlântico Azul.

lunes, diciembre 10, 2007

A revista do Encontro do Grove


Agora que temos tempo de choivas
e remata o ano poñemos a vosa
disposiciónen pdf a
revista dos III Encontros de Embarcacións
Tradicionais de Galicia, celebrado no
Grove hai xa 10 anos, parece
que foi onte. Disfrutade dos
seus interesantes contidos.

domingo, diciembre 02, 2007

Seguiremos reuníndonos para falar de Brest

Rematamos a temporada oficialmente coa cena anual e a última asamblea deste ano.
Na asamblea falamos de mellorar a organización de regatas e de crear grupos para encargarse de levalas a cabo, a fin de repartirmos o traballo para que sexa máis levadeiro.

Tamén se falou da nosa asistencia a Brest 2008, que xa temos que empezar a preparar, polo que aqueles que non estivested presentes na asamblea e teñades interese e intención de viaxar a Francia podedes poñervos en contacto coa Directiva para ir mirando cantos barcos e tripulantes imos desplazar. Seguimos estando totalmete abertos a ideas e colaboración.

Podedes ver a noticia no portal meco http://www.todogrove.com/ pinchando aquí

domingo, noviembre 25, 2007

Cena de fin de temporada este venres

Anunciamos-vos que o próximo venres día 30 de novembro teremos a cena de final de temporada da Asociación, será en Casa Campaña a partires das 22:00 horas, todos aqueles que desexen asistir deberán poñerse en contacto con algún dos membros da directiva, ou ben utilizando o correo electrónico do clube.
O día seguinte, sábado día 1, faremos a Asamblea Xeral Ordinaria no local veciñal de Virxe das Mareas, ás 19 horas. Á que esperamos a máxima asistencia, xa que no orde do día hai un par de puntos de moita trascendencia.
Os socios recibiredes no voso mail e no voso enderezo puntual información do menú da cena e da orde do día.
Os que queirades confirmar asistencia para a cena facedeo canto antes

jueves, noviembre 08, 2007

A TVG emitirá este sábado o documental "MAR DE VELAS"



A Televisión de Galicia emitirá este sábado 10 de novembro, as 16 horas, o documental "MAR DE VELAS", sobre o Patrimonio Maritimo e Fluvial. Rodado durante a celebración do VIII Encontro e noutras vilas, dentro do seu espazo 'Galicia documental'. O filme está dirixido por Pemón Bouzas.


Hoxe foi presentado ós medios.

miércoles, noviembre 07, 2007

Dorna Meca na Mostra do Patrimonio Inmaterial en Pontevedra

Do 7 ao 11 de novembro vai ter lugar a Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués na praza da Ferrería. Coa intención de visibilizar este patrimonio e concienciar a sociedade da necesidade de salvagardalo, o Proxecto RONSEL, organiza esta Mostra na cidade de Pontevedra.O programa é moi amplo, variado e con presencia de exposicións, obradoiros de oficios tradicionais, conferencias, música tradicional e unha notable oferta audiovisual, polo que recomendamos unha lectura demorada.
Amigos da Dorna Meca estará presente mediante unha conferencia do presidente, o xoves ás 6 da tarde, e aportando unha dorna que está exposta na entrada do recinto.

Paga a pena visitar a mostra.

martes, noviembre 06, 2007

Sorteo Cultura Mariñeira da Amizade Luso-Galega

1. Obxectivo

A divulgación da Cultura Marítima e do patrimonio material e inmaterial marítimo que nos teñen legado as comunidades mariñeiras así como o mar como medio natural, é a motivación que nos move, como administradores de blogues de temática marítima, a promover o Sorteo Cultura Mariñeira da Amizade Luso-Galega. Temos como principal obxectivo transmitir que un aspecto destacado da cultura mariñeira é a amizade entre os pobos, o respeto e o coñecimento mutuos a través do mar e, em particular, dos pobos galego e portugués.


2. Libros a sortear

2.1. Sorteamos os seguintes libros en galego:
- «O Patrimonio Marítimo de Galicia», de Dionisio Pereira. Editora FGCMF Oferta da Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial. Exemplar con dedicatoria e asinatura do autor.
- «Lanchas e Dornas», de Staffan Mörling. Editora Xunta de Galicia. Oferta da Libraría Sisargas
- «A Odisea», de Homero. Editora Toxosoutos. Oferta da Libraría Sisargas.
- «O bote polbeiro de Bueu», de Fidel Simes . Editora Xunta de Galicia. Oferta do Grupo de Cultura Mariñeira da Asociación Cultural O Xeito.

2.2. Sorteamos os seguintes libros en portugués:
- «Cais e Navios de Lisboa», de Luís Miguel Correia. Oferta do Autor. Exemplar con dedicatoria e asinatura do autor.
- «História do Batel Vae com Deus», de Raúl Brandão, Editora Edieum. Oferta da Livraria Luso-Galáica «Orfeu».
- «A noite abre meus olhos», de José Tolentino Mendonça, Editora Orfeu. Oferta da Livraria Luso-Galáica «Orfeu».
- «A Campanha do Argus, de Alain Villiers. Oferta de Mar Adentro Ventosga.

3. Participantes

Integran o sorteo os administradores de blogues escritos em calquera das línguas oficiais dos pobos da Península Ibérica, que participen realizando comentarios nos blogues promotores. O dereito a un boleto para o sorteo adquírese pola participación en cada un dos blogues promotores, ata un máximo permitido de seis boletos. Aos agraciados seranlles remitidos os libros ao enderezo postal que indiquen. O espazo xeográfico no que se desenvolve a iniciativa é a Península Ibérica, sen prexuizo de valorarmos a posibilidade de ampliar o ámbito territorial do sorteo en función das solicitudes recibidas e do eventual aumento dos gastos de envio que esto implique.


4. Período de participación

O período de obtención de boletos de participación decorre desde a publicación do presente Regulamento en cada blogue promotor ata o 31 de Decembro de 2007 (inclusive), realizándose o sorteo na segunda semana de 2008 no local das librarías promotoras a través do sistema da «man inocente», garantizando os responsables da libraría e dos blogues promotores a correcta realización do mesmo.


5. Libros en Língua Portuguesa

Sortearanse os libros en Língua Portuguesa entre os blogueiros que teñan participado nos blogues galegos en: Libraría Luso-Galáica «Orfeu», de Joaquim Pinto da Silva, en Bruxelas. Rue du Taciturne, 43 Willem de Zwijgerstraat Bruxelles/Brussels 1000 Belgique/België. Tfno: +32(0)27350077. Bitácora: http://www.orfeu.net/

6. Libros en Língua Galega

Sortearanse os libros en Língua Galega entre os blogueiros que teñan participado nos blogues portugueses na: Libraría Sisargas, de Roberto Castro, en Rúa Curros Enriquez, 9 15002 A Coruña Galiza Tfno: +34(0)981200082. Correo Electrónico: libreriasisargas@gmail.com

7. Blogueiros promotores:

Sailor Girl, do Blogue «Atlântico Azul»
Luis Miguel Correia, do «Blogue dos Navios e do Mar»
João Veiga, do Blogue «Mar Adentro-Ventosga»
O Fartura, do Blogue «Singradura da Relinga»
Manuel, do Blogue «Homes de Pedra en Barcos de Pau»
Lino, do Blogue «Amigos da Dorna Meca».

8. Blogueiros adheridos:

Adquiren o estatuto de blogueiro adherido ao Sorteo CM da Amizade Galego-Portuguesa todos aqueles que nos seus blogues publiquen unha entrada co presente Regulamento e inclúan as ligazóns dos blogues promotores nas súas recomendacións, comunicándollo a Sailor Girl e a O’Fartura, o que lles confire o dereito á obtención de sete boletos suplementarios de participación no Sorteo.



Amigas e amigos, ata o 31 de decembro do 2007 administrar un blog e navegar participando activamente nos blogs promotores do Sorteo da dereito a premios!....Sen máis recibe un abrazo mariñeiro.
Le atentamente as bases e participa!


sábado, octubre 13, 2007

A Fuxe e a Chunga fan podio na Regata do Marisco

Case 20 dornas tomaron parte da última regata do ano, a vencedora foi a Cariñosa de Victor e Checo, despois de un percorrido bastante aberto e vistoso para as persoas que seguían a regata desde terra, foron chegando á liña de meta polo seguinte orde: Fuxe, Chunga, Xarandeira, Julicheira, Bicoca, Fungona, Zenaida... A entrega de premios foi a cargo do Alcalde do Grove.
Ó remate da entrega tripulantes e achegados disfrutaron do marisco grovense e das actuacións de Peter Punk e Orfeón Treixadura.
Deste xeito despídense as dornas ata o vindeiro ano.


A noticia nos medios:
Diario de Arousa
Faro de Vigo
Todogrove.com

miércoles, septiembre 19, 2007

Regata do Marisco, dornas a vela


Para rematar a temporada con un bo final Amigos da Dorna Meca organiza en colaboración co Concello do Grove a Regata do Marisco de dornas a vela, incluida no programa oficial da Festa do Marisco, a cita é para o venres día 12 de outubro, ás 16:00 horas, e o percorrido será un triangulo entre a Illa da Toxa e o paseo marítimo de Confín.

Esperamosvos a todos os dorneiros para despedir xuntos a temporada de dornas deste verán .
ATENCIÓN: Despois da entrega de premios, ás 20:00 h. terá lugar o concerto de "PETER PUNK" e ás 22:00h. será o concerto do "ORFEÓN TREIXADURA".

lunes, septiembre 10, 2007

A Dorna Meca na Radio Galega.



O programa da Radio Galega Mil Ribeiras conducido por Rubén Bastón e Xurxo Souto adicará un espazo o vindeiro sábado a Dorna Meca, para falar das nosas actividades e desta nosa web.
Mil Ribeiras ten unha bitácora do programa que vos recomendamos visitedes.
Ben, se queres escoitar a entrevista non tes máis que sintonizar a Radio Galega o vindeiro sábado 15 de 9:05h. a 11:00h.

martes, agosto 21, 2007

Boa representación en Combarro e Cambados

A Asociación estivo presente en Combarro mediante "A Meca" e a "Pelexa" para participar na XII Concentración de Embarcacións Tradicionais de Combarro, dentro da cal se celebrou a Regata Pamplina de remo, na que se impuxo a "Pelexa", na que bogaron Lino e Fabián, na regata de vela participaron todos os barcos inscritos e a primeira en completar as dúas voltas do triangulo foi "A Meca" e a segunda a "Pelexa".
Por outra parte a "Fuxe" e a "Siña María" participaron na Regata do Albariño, a "Fuxe" dos Parada foi segunda, Manolo e Pablo chegaron no número 15 coa "Siña María".
Podedes ver as fotos da fin de semana pinchando aquí.

viernes, agosto 03, 2007

A nosa páxina obtivo unha axuda.

Esta páxina web en galego tivo unha axuda outrogada pola Xunta de Galicia - Presidencia -Secretaría Xeral de Comunicación - Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual

domingo, julio 15, 2007

A Cariñosa gaña a XI Regata dos Faros

Trinta dornas participaron na tarde do sábado na XI Regata dos Faros, foi rápida pero moi intensa polo vento fresco e racheado. A entrega de prémios tivo lugar na explanada do Astillero dos Garrido, e a clasificación queda do seguinte xeito:
1 Cariñosa AC Dorna
2 Noelia AC Dorna
3 Chunga Dorna Meca
4 Xarandeira Fasquía
5 Bazarra AC Dorna
6 Fuxe Dorna Meca
7 Forza R AC Dorna
8 Estela AC Dorna
9 Favorita Fasquía
10 Jalerna AC Dorna
11 Caracola AC Dorna
12 Petela Fasquía
13 Freixana C. M. Salnés
14 Galana AC Dorna
15 Laberca AC Dorna
16 Bicoca AD Portonovo
17 Maristela Rabandeira
18 Zanaida AC Dorna
19 Siña Maria Dorna Meca
20 Nécora AC Dorna
21 Maraxe Dorna Meca
22 Onza AC Dorna
23 Pelexa Dorna meca
24 Pelijata Fasquía
25 Cacharula
26 Siña Pepa Dorna Meca
27 Lamaschica Dorna Meca

A noticia con fotos en http://www.todogrove.com/index.php?option=com_content&task=view&id=51&Itemid=1

martes, julio 10, 2007

XI Regata dos Faros, este sábado


Este sábado 14 de xullo ás 4 da tarde imos celebrar a tradicional Regata dos Faros que alcanza nesta ocasión a súa décimo primeira edición, e que será puntuable para o Trofeo Galicia 2007 de dornas a vela. O percorrido será o de sempre e esperamos ter un bo día para a práctica da navegación tradicional. A entrega de premios será na Lonxa.

Aproveitamos a ocasión para darlle a benvida e agradecer o traballo dos novos colaboradores

jueves, julio 05, 2007

Arrancaron os VIII Encontros de Ferrol 2007

Hoxe Xoves botou a andar o VIII ENCONTRO máis de 100 barcos, ó redor dos 50o tripulantes, concertos, navegación, regatas... un amplo programa ata o vindeiro domingo.
Esta nosa web vai estar presente no Encontro Aberto de Bloggers da Cultura Marítima.
E a Asociación estará representada por 4 dornas polbeiras e "A Meca".
Bos ventos... que estamos de festa!

Volta á Illa 2007

O pasado día 30 de xuño foi a XXIII Volta á Illa de Arousa, un día moi duro para navegar e no que das 50 dornas que sairon da praia do Bao, chegaron en regata 19, podedes ler esta crónica na páxina da Federación.

domingo, junio 24, 2007

Bos resultados para as nosas dornas na Area Seba


O sábado tivemos un excelente día para a navegación en dorna a vela. Participaron na proba un total de 29 dornas na nosa regata, con ventiño fresco e na que houbo que traballar duro, tanto a nivel físico como de coñecementos. A victoria foi para a Nécora, da Cultural Dorna, no segundo lugar entrou a Fuxe, con Manolo e Brais Parada, e a terceira en chegar foi a Ladra de Checo e Víctor tamén da Arousa. As outras dornas da nosa asociación chegaron por este orde: 5ª Chunga , 8ª Pelexa, 11ª Maraxe (na súa primeira regata, noraboa!), 12ª Triñana, 13ª Siña María, 15ª Lamaschica, e en fora de xogo chegaron: a Fanequeira e a Bichasa.


Podedes ver a noticia en Vieiros, Faro de Vigo e Diario de Arousa.

E aquí o album de fotos que nos pasou Miguel Muñiz (Gracias.)

miércoles, junio 13, 2007

APLAZADA a III Regata Area Seba , 23 de xuño de 2007

APLAZAMOS A REGATA ATA O DIA 23 sairemos do Porto do Grove ás 4 da tarde para completar un percorrido de dúas voltas. O mesmo das edicións anteriores. Esta edición conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra e coa colaboración na organización de diversas empresas locais.

Esperamos que esta ocasión sirva para atoparnos unha vez máis.

A noticia en Vieiros

domingo, junio 10, 2007

A Fuxe quinta clasificada na Regata Fasquía


Empezou a tempada de dornas, a primeira regata foi na Illa de Arousa, puntuable para o Trofeo Galicia de Dornas a Vela. Desplazaronse 7 dornas da nosa asociación, que en conxunto desenvolveron unha regata bastante notable. A Fuxe, de Manolo e Brais Parada foi quinta, a Chunga de Fabián Garrido e Javi Fernandez foi séptima e a Fanequeira con Rafa Paterí e Rafilla, quedaron nun sorprendente noveno posto. Tamén estiveron alá a Pelexa, a Siña María, a Lamaschica e aTriñana.

Aquí tedes o album de fotos do día,

jueves, junio 07, 2007

Regata Fasquía

Como todos sabedes, este sabado día 9 empeza a temporada de regatas, estrenamos na Illa de Arousa coa Regata Fasquía, que será ás 16:00 con saída do Porto do Xufre. Para os que queirades asistir á competición ou a acompañarnos sairemos do Porto do Grove ás 12 do mediodía, agradecese a puntualidade para evitar demoras innecesarias.
A seguinte semana a Regata organizamolo nos, así que ide pensando en botar unha man.

viernes, mayo 25, 2007

A Meca ao carro



Para esta vindeira semán, é decir do luns 28 de maio en diante, temos que subir "A Meca" ao carro, toca arranxar, facerlle unha caña nova e un pequeno retoque na popa, ademais de pintado e curado como ven sendo habitual. Sei que pode ser inútil, pero quedades convidados a colaborar nestes traballos, que non é que sexa moito pero repartido entre varios toca a menos, quedamos o sábado día 2 para rascar e pintar, animádevos a participar un pouco tanto no coidado como na navegación.

Lembrade que "A Meca" foi das primeiras embarcacións que se inscribiron para os encontros de Ferrol, para o que hai que ila preparando, e non estaría nada mal que avisen os que queiran formar tripulación para ese desplazamento a Ferrol, ou para outras actividades que poidan surxir.

domingo, mayo 06, 2007

Botou a andar NaBeira08


Acaba de arrancar o proxecto NaBeira08, de man da Consellería de Cultura, Deporte Galego e a FGCMF, abrangue varios ambitos para potenciar e fomentar o mundo da cultura mariñeira e as embarcacións tradicionais, tedes ampla información acompañada de fotografías e videos, xunto co calendario da itinerancia en http://www.nabeira.org/

martes, mayo 01, 2007

A revista dos Encontros de Coruxo 1995



Para pasar este tempo de invernada aquí tedes un enlace ó pdf da revista de Coruxo, no que aparece un artigo moi interesante sobre o comezo da nosa Asociación e da nosa dorna "A Meca", firmado por Manolo Parada, que o disfutedes.

sábado, marzo 31, 2007

Presentación de Ardentía


Ficades convidados á presentación do número 4 da Revista Ardentía, "O mar tamén ten mulleres", que terá lugar o próximo sábado día 21 de Abril na Galería Lembranza-Sargadelos, no número 53 da Rúa Castelao, ás 20:00 horas.

O acto, amenizado por Manuel Parada Mascato, vai ser presentado por Lino Prieto, presidente da Asociación, e nel falarán:
Luís Rei, director da revistaque tratará o tema "As mulleres do mar"
Eduardo Parada, membro da Asociación e colaborador da revista.


Por se queredes botarlle unha ollada ó número tres podedes vela en formato pdf na web da FGCMF, ou ben facendo click aquí.

miércoles, marzo 21, 2007

Este sábado temos asamblea

Lembrade que este sábado temos asamblea na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey ás 19:00, agradecemos a vosa presencia. Despois faremos a cena, o prazo de reserva remata hoxe mércores.

martes, marzo 06, 2007

A revista dos Encontros de Poio 2001

Para s que non a teñades, aquí podedes ver un enlace á Revista dos Encontros de Poio, celebrados no 2001, está n formato pdf, por se tamén queredes tela en papel.

domingo, febrero 25, 2007

Próxima Asemblea

Para o día 24 de marzo convocaremos unha Asamblea Xeral Extraordinaria, mandaráse-lle unha carta a cada socio na que tamén irá o carné deste ano, así como as candidaturas que se apresenten para as eleccións a Xunta Directiva.
Ó remate da Asemblea haberá cena-baile por riguroso proceso de reserva.
Terémos-vos debidamente informados.

miércoles, enero 31, 2007

Preparando o calendario

Informarvos a todos que estamos tendo as xuntanzas oportunas na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, para a confeción do calendario de actividades, cuestións relativas ás regatas de dornas e tamén para ir concretando cousas dos VII Encontro, que este ano será en Ferrol. Terémos-vos informados, se algún de vos quere participar nestes grupos de traballo, ou para calquer outro tema como organización ou trámites para axudas etc... que o faga saber poñéndose en contacto co presi (636748698 polas mañáns) ou deixando recado no mail amigosdornameca@gmail.com e a verdade é que necesitamos axuda.
Proximamente convocaremos unha reunión para todos aqueles que estean interesados no tema das regatas: patróns, proeis, lanchas de apoio, organización en terra, colaboración... para ir preparando a temporada.
Avisaremos con tempo.

sábado, enero 20, 2007

Documental sobre o Barco da Memoria


Poñense en contacto con nós desde a Productora Saga Tv para informarnos estiveron traballando nun documental sobre a viaxe e as historias vitais que albergou a adega do Hidria durante este vran no programa que tiña por nome "O Barco da Memoria", o documental será emitido na TVG, o próximo sábado 27 de Xaneiro ás 16:00 h. no espazo "Galicia documental"

miércoles, enero 03, 2007

Pegatinas da dorna

Para empezar o ano presentámos-vos estas pegatinas que fixemos; diseño propio en vinilo adhesivo, o mesmo material que se utiliza para rotular, polo de agora dispoñemos delas en blanco e negro como podedes ver na imaxe. O seu tamaño aproximado é de 12 cm. de alto por uns 7 de ancho.
Se queres unhas destas dorniñas podes mandarnos un correo a amigosdornameca@gmail.com, ti elixes a cantidade e a cor, teñen un precio verdadeiramente simbólico.

domingo, diciembre 24, 2006

Feliz Ano 2007

Remata este ano, un ano cheo de regatas, de actividades en moitos portos e de novas incorporacións. Para o 2007 temos aberto un proceso electoral, do que esperamos que saia unha renovación, temos tamén moitos proxectos e novas ideas, das que co noso traballo e co voso apoio poden sair cousas moi bonitas para que a Dorna Meca siga sempre avante e para que todo aquel que teña curiosidade, queira coñecer como son as embarcacións tradicionais, como se navegan, como se coidan, que queiran participar ou simplemente botar unha man teñan todas as facilidades para facelo.
Agradecer tamén o traballo de todas as persoas e empresas cercanas a nós: Sen persoas coma vos, nós nunca poderíamos facer o que fixemos.
Para todos: que pasedes unhas boas festas e que o ano 2007 só vos traia cousas boas.
Amigos da Dorna Meca.

jueves, diciembre 14, 2006

www.dornameca.org

Desde hoxe está funcionando o novo dominio da nova páxina, máis doado de lembrar, non cambia nada, só o nome, basta con teclear www.dornameca.org para seguir accedendo á nosa web. Se queres engadir o enlace en calqueira outra páxina podes usar este banner.

miércoles, noviembre 29, 2006

A "Lamaschica" en Internet

A dorna de máis recente incorporación na Asociación, a "Lamaschica" de Dani Otero, está na páxina www.modelismonaval.com, que acaba de publicar unha reportaxe sobre o proceso de restauración desta pequena dorna con máis de 70 anos nas súas cuadernas, e que para a próxima temporada andará entre nós de porto en porto.

miércoles, noviembre 15, 2006

ASAMBLEA XERAL 2/XII/06

CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL

Lugar: Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. Ogrobe

Día: sábado 2 de Decembro Hora: 19:00 h.

Menú do día

1. Dación de contas

2. Situación de trámites actuais (subvencións, solicitudes, novo e-mail...)

3. Posta ó día de datos dos socios

4. Aprobación de compra do dominio www.dornameca.org

5. O Racú

6. Convocatoria de eleccións da nova Xunta Directiva

7. Varios:

Lotería de Nadal

Rogos e preguntas

martes, noviembre 14, 2006

Novo correo electrónico

Cambiamos de correo electrónico, por comodidade e mellora de servicio a partir de hoxe mesmo contaremos cunha conta que sustituirá á existente, dirixide os vosos e-mails a
amigosdornameca@gmail.com