lunes, agosto 30, 2010

III Regata de Clásicos


A Asociación de Amigos da Dorna Meca, volveu a colaborar co Club Náutico San Vicente do Mar na organzación deste evento, queremos dar as gracias a todas as asociacións e tripulantes que se achegaron ata O Grove para tomar parte da concentración e III regata de clásicos De San Vicente.

Xuntos estamos conseguindo que esta sexa unha xornada de convivencia na que se reunen barcos moi diferentes pero con moitas cousas en común. Nesta terceira edición acadáronse os 24 barcos participantes e o domingo foi unha xonrada estupenda para velear, lástima de un pouco máis de vento...


Non faltou a Meca e algunhas dornas dos socios, e ainda que o importante é participar aquí vos deixamos o reparto de premios.

- Sara O, de Xosé Avelino Ochoa, embarcación con maior número de tripulantes da Escola de Vela do Club Náutico San Vicente.

- A dorna xeiteira Rabandeira, da Asociación Rabandeira de Vilanova de Arousa, como primeira clasificada na categoría de barcos de traballo.

- O Aguete, motovelero propiedade da Armada Española, como primeiro clasificado nos barcos Espírito de Tradición.

- O gañador en barcos clásicos foi o Ébano, un vela lixeira da clase Snipe, construído en madeira laminada nos estaleiros Lago de Vigo en 1970, tripulado polos irmáns David e Sonia Leiro.

- O premio ao barco máis fermoso por votación entre os participantes foi para o Naia, de Pablo Blanco.

- O premio ao barco de Época foi a parar ao galeón Nuevo Sofía, da Asociación Rabandeira de Vilanova de Arousa.

lunes, agosto 23, 2010

Volvemos a Combarro


Un agosto máis asistimos á cita cos compañeiros de Combarro, e xa van 15 anos de Concentración de Embarcacións Tradicionais.


Despois de xantar partía A Meca do porto do Grove con moi boa marcha, que non durou moito, para ser exactos ata Con de Fora, onde se movía un neboeiro intenso que obrigou a afinar os sentidos para ver e ser vistos. Ata cegar a divisar Portonovo a néboa era mesta como os pelos dun can, pero de aí en diante a Meca foi costeando e algo mais adiante puxeron rumbo sur, xa que a na outra banda da ría de Pontevedra estaba o día claro e ben despexado.

Unha vez alí navegamos e compartimos bos momentos en terra entre barcos e amigos. Aínda que o tempo non foi moi apacible fixemos todo o posible para disfrutar da cita.


REGATAS

Por causa de un problema loxístico non dispoñiamos de unha dorna de 9 cuartas en Combarro polo que houbo que buscarse a vida para participar na regata de remos, así que o presi Lino, o vice Manolo e o noso Fabián embarcaron na buceta A Boureante, cedida para a ocasión para tomar parte da regata:

conclusión 1ª: o importante é participar e non embestir!

conclusión 2ª: Que-REMEdios!


PROXIMA CITA

O vindeiro fin de semana participaremos co'A Meca na Concentración e Regata de Clásicos de San Vicente, na cal colaboramos nos temas de organización. O regateiros teñen a posibilidade de asistir coas dornas á Regata do Bao, e tamén está a alternativa do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu.

Como todos somos maoires de idade cada un irá a donde prefira.

lunes, agosto 16, 2010

Novedades varias

Hai xa algún tempo que non damos conta do que acontece no eido da Asociación, pois agora é o momento de poñerse ao día.

XIV REGATA DOS FAROS.
Esta cita ilusionante tivo que ser aprazada por motivos dos fortes ventos que tiñamos na mañá do 17 de xullo. Tras unha posta en común dos membros da directiva e algúns dos socios que participan da organización, a Xunta Directiva acordou tomar a decisión de aprazar a regata, xa que a responsabilidade última no aspecto da seguridade no mar, recae sobre o presidente da Asociación.
Afortunadamente puidemos avisar a participantes, lanchas de apoio e demais partes interesadas para que ninguén dera viaxes en balde.
A nova data está por determinar.



III REGATA DE SAN VICENTE
Celebrouse este sábado 14 de agosto, entre a Lanzada e Pedras Negras, un ano máis en estreita colaboración co Club Náutico San Vicente do Mar, e con un vento que finalmente dou unha tregua para poder velear, con rizos, eso si.
A nova e fotografías en Todogrove.com
A organización desta regata seguiu os cauces habituais pero o número de dornas participantes foi ínfimo, practicamente reuniuse o quorum mínimo e indispensable para poder chamarlle regata.
Con estes vimbios hai que facer o cesto, que quere dicir esto? pois que todos debemos reflexionar en frio, meditar, e valorar os resultados dos recursos que empregamos para levar as cousas adiante.
Unha vez analizadas as conclusións deberemos actuar en consecuencia.


XV CONCENTRACIÓN DE EMBARCACIONS TRADICIONAIS DE POIO

Vimos de formalizar a inscrición de varias embarcacións vinculadas á Asociación de Amigos da Dorna Meca, para tomar parte un ano máis no encontro de Combarro. De xeito que esta fin de semana deixaranse ver as fasquías e os falares mecos nas augas da Ría de Pontevedra.