lunes, agosto 16, 2010

Novedades varias

Hai xa algún tempo que non damos conta do que acontece no eido da Asociación, pois agora é o momento de poñerse ao día.

XIV REGATA DOS FAROS.
Esta cita ilusionante tivo que ser aprazada por motivos dos fortes ventos que tiñamos na mañá do 17 de xullo. Tras unha posta en común dos membros da directiva e algúns dos socios que participan da organización, a Xunta Directiva acordou tomar a decisión de aprazar a regata, xa que a responsabilidade última no aspecto da seguridade no mar, recae sobre o presidente da Asociación.
Afortunadamente puidemos avisar a participantes, lanchas de apoio e demais partes interesadas para que ninguén dera viaxes en balde.
A nova data está por determinar.



III REGATA DE SAN VICENTE
Celebrouse este sábado 14 de agosto, entre a Lanzada e Pedras Negras, un ano máis en estreita colaboración co Club Náutico San Vicente do Mar, e con un vento que finalmente dou unha tregua para poder velear, con rizos, eso si.
A nova e fotografías en Todogrove.com
A organización desta regata seguiu os cauces habituais pero o número de dornas participantes foi ínfimo, practicamente reuniuse o quorum mínimo e indispensable para poder chamarlle regata.
Con estes vimbios hai que facer o cesto, que quere dicir esto? pois que todos debemos reflexionar en frio, meditar, e valorar os resultados dos recursos que empregamos para levar as cousas adiante.
Unha vez analizadas as conclusións deberemos actuar en consecuencia.


XV CONCENTRACIÓN DE EMBARCACIONS TRADICIONAIS DE POIO

Vimos de formalizar a inscrición de varias embarcacións vinculadas á Asociación de Amigos da Dorna Meca, para tomar parte un ano máis no encontro de Combarro. De xeito que esta fin de semana deixaranse ver as fasquías e os falares mecos nas augas da Ría de Pontevedra.

No hay comentarios: